top of page

"Proxecto ULTRASONS"

 

             Este proxecto é unha investigación, exploración e desbarre persoal, que xira en torno á “composición e creación melódica”.  Non obstante, non se trata dunha composición típica, xa que nela estase a traballar sobre diferentes parámetros significativos. O primeiro é que os instrumentos que fan a liña principal ou leitmotiv das cancións, son instrumentos de creación propia, e por outra banda, estes instrumentos ou ben son feitos con elementos naturais ou ben son rescatados de elementos de refugallo. Como resumo deste proxecto que está aínda en fases iniciais, mostramos aquí varios modelos de instrumento, coas súas tonadas e cancións correspondentes:

 

Os inicios

 

                A idea do proxecto nace nun obradoiro de instrumentos tradicionais no encontro de Xogos Populares de Muimenta en Xuño do 2014, aí comeza a exploración sonora dos elementos “bugallos” e dos “carrizos” que elaboramos con Xosé López González e José M. García Fernández, elementos naturais que evocaban sons de paxaros (a curuxa e o carrizo).

 

           Tivemos tamén a sorte de participar noutro obradoiro de frautas de PVC co fantástico Suso Vaamonde onde se nos abriron novos horizontes de exploración. E xa postos a perforar, comezamos a perforar todo o que nos caía nas mans, chegando así aos inicios das gaitas, ás gaitas de palla ou frautas de avea. Juanjo G. Rodicio nos explica que todos os vellos gaiteiros comezaron as súas andanzas musicais “argallando cunhas pallas” como di a canción “Alalá de Fonmiñae”, canción que nace dunha das primeiras pallas que furei, precisamente en Fonmiñá.

Exploración

 

          Abrimos así un abano de posibilidades inmenso, e o máis importante, descubrimos un dos epicentros deste proxecto, descubrimos que cada palla, ou frauta ten a súa propia canción oculta, só hai que descubrila. Se collemos unha palla e lle facemos unha serie de buratos, sen moitos miramentos, e dicir, sen facer un estudo tonal serio para conseguir unha afinación concreta, vemos que desa frauta sairá unha escala X da que poden saír varias tonadas, é aí está un dos meollos creativo deste proxecto. Trátase de descubrir esas tonadas, de potencialas, varialas e xogalas chegando a transformalas en cancións completas.

 

      Nace así esta pequena investigación no fantástico mundo dos aerófonos e das súas posibilidades. Esta idea vaise confeccionando á par que se realiza un estudo máis técnico e esixente no relativo ao tema da afinación. Despois de conseguir este punto máis exacto, chegamos á conclusión de que tamén é posible unha adaptación creativa ao tono que saia de forma natural, e se a iso lle xuntamos a sonoridade e calidade tímbrica que o instrumento nos día, son elementos de sobra para compoñer cancións sinxelas coma estas.   

Yázabro: 
                              É un caixón contenedor no que poder organizar o que fun, o que son e o que trato de ser.  
                                                                É un espazo mental de punto de partida para xogar, explorar, destrozar e construir. Nada máis.  

 2015 - Simón Piñón - simonpinhon@gmail.com / +34 625130009

bottom of page